jueves, 20 de octubre de 2016

Samaín 1º

Queda unha semana para a festa de Samaín ou Halloween no colexio

Na aula decoraremos algúns motivos típicos desta época do ano e escoitaremos algunhas historias relacionadas, antes da súa celebración no cole o día 28 de outubro!!!!.

Para coñecer un pouco desta festa...

"Samhain" é a festividade de orixe celta máis importante da Europa anterior ao cristianismo. Era a celebración do final da tempada de colleitas, considerada como o «Aninovo Celta», que comezaba coa estación escura. É, polo tanto, unha festa de transición (o paso dun ano a outro). A súa etimoloxía é gaélica e significa 'fin do verán'.

O calendario celta dividía o año en dúas partes (metade escura e metade clara). A metade escura comezaba no mes que chamaban "Samonios" (outubro-novembro). A metade clara empezaba no mes chamado por eles/as "Giamonios" (abril-maio). Os celtas consideraban que o ano iniciábase na metade escura, así que "Samonios" (Samahin) era a celebración do aninovo celta.

Os celtas celebraban esta festa con ritos nos cales os seus sacerdotes (os druidas) comunicábanse cos antepasados. Crían que os «espíritos» dos seus devanceiros chegaban nesa data a visitar os seus fogares anteriores.

Polo Samhain era costume baleirar nabos (posteriormente cabazas, debido a unha tradición irlandesa) para porlles candeas dentro.

"Samahin" foi unha festa "romanizada" (é dicir adaptada e asimilada á cultura romana) e, posteriormente, "cristianizada" convertíndose en "festividade de todos os santos e defuntos". Varios séculos despois, esta tradición celta (que está a rexurdir na actualidade) ten continuidade na moito máis recente festividade americana de Halloween (polo traslado dos costumes dos/as irlandeses/as emigrados/as a Estados Unidos) nos séculos XIX e XX. Precisamente o termo "Halloween" deriva de "All Hallow's Eve", que significa ("víspera de todos os santos).

En Galicia, o mestre Rafael López Loureiro foi o responsable de redescubrir e revitalizar esta tradición para a nosa terra. El comprobou que esta celebración existía (con distintas manifestacións: relación cos "magostos", "San Martiño"...) por toda a nosa comunidade hasta hai menos de trinta anos. Ademais analizou a relación do costume das cabazas co antigo culto á morte e a semellanza coas tradicións irmás celtas das Illas Británicas.

Hoxe en día celébrase o "Samhain" ou "Samaín" (que é unha adaptación á lingua galega da palabra gaélica orixinal) nalgunhas cidades e pobos de Galicia.

Na nosa aula desde a área de Educación Artística imos decorar unhas cabazas elaboradas con "papel maché" e desde as de Lingua Galega e Castelá escoitaremos algúns contos e lendas propios desta época.



No hay comentarios:

Publicar un comentario