jueves, 13 de febrero de 2020

Aparatos

Aparato respiratorio:






Aparato dixestivo:

Epíglote:




Aparato circulatorio:

Corazón:


Circulación:


jueves, 9 de enero de 2020

TEATRO. O PRINCIPIÑO.


1ª ESCENA: O principiño e a rosa
Escenario: Planeta do principiño. Attrezzo: regadeira, biombo, cara de flor, coroa e capa do principiño.

(APARECE A FLOR PEITEÁNDOSE LENTAMENTE. É COQUETA VENDO AO PRINCIPIÑO QUE ESTÁ FRONTE A ELA)
ROSA: Ah!, desculpa, acábome de levantar... estou moi despeiteada.
PRINCIPIÑO: Es moi bela!
ROSA: Verdade que si? E nacín ao mesmo tempo que o sol.
PRINCIPIÑO: Ah, si????
ROSA: (Vaidosamente) Creo que é a hora do almorzo. Terías a amabilidade de pensar en min?
PRINCIPIÑO: (BUSCA A SÚA REGADEIRA E A REGA)
ROSA: (ESAXERADA) AAAAh! Está heladaaaaaa! Sabes? Eu non lle teño medo aos tigres, eu teño as miñas espiñas.
PRINCIPIÑO: No meu planeta non existen os tigres. Ademais... os tigres non comen herba!!.
ROSA: Eu non son herba!
PRINCIPIÑO: Ah! Descúlpame.
ROSA: Non me dan medo os tigres, en cambio si téñolles horror ás correntes de aire. Non terás un biombo?
PRINCIPIÑO: (SUSPIRANDO) Un biombo?
ROSA: Si, un biombo e na tarde deberasme cubrir cun cristal. Fai moito frío aquí. Aquí é incómodo. Alá, de onde eu veño (PENSA UN MOMENTO E LEMBRA QUE NON VÉN DE NINGURES. TOSE)   Ese biombo...?
PRINCIPIÑO: Ía precisamente buscalo, pero continuabas falándome (VAI BUSCAR O BIOMBO). Pero agora é preciso que me vaia, adeus. (A ROSA NON RESPONDE SO TOSE) Ese biombo?
PRINCIPIÑO:  Adeus...!
ROSA: (ELA REACCIONA) Fun unha tonta, pídoche desculpas. Tenta ser feliz. Eu quérote. Esquece o biombo, xa non o quero.
PRINCIPIÑO: Pero... fai vento.
ROSA: Non estou tan arrefriada como cría. O aire fresco da noite vaime facer ben; son unha flor.
PRINCIPIÑO: Pero... e os animais?
ROSA: É preciso que ature dúas ou tres eirugas se  quero coñecer as bolboretas; do contrario, quen virá visitarme? Ti estarás lonxe. E en canto aos animais, non lles teño medo. Teño as miñas espiñas (AMÓSALLAS)
(O PRINCIPIÑO ARRASTRA OS PÉS)
ROSA: Non arrastres os pes, é molesto!
PRINCIPIÑO: Adeus! (VAISE)



2ª ESCENA: O principiño e o rei
Escenario: Castelo. Attrezzo: coroa e traxe do rei, calendario, cadeira / coroa e capa do principiño.

REI: (AO PÚBLICO) Ah! Aquí hai un súbdito!   (AO PRINCIPIÑO) Ven, achégate!
O PRINCIPIÑO BOCEXA E BUSCA ONDE...
REI: É contrario á etiqueta bocexar na presenza dun rei. Eu prohíbocho!
PRINCIPIÑO: Non podo evitalo; veño dunha viaxe moi longa e non durmín nada.
REI: Entón... Ordénoche bocexar! Non vin a ninguén bocexar en varios anos. Os bocexos son para min algo curioso. Vamos! Bocexa outra vez, é unha orde!
PRINCIPIÑO: Isto intimídame... Así xa non podo bocexar...
REI: MMM, mmmmm!!! Entón ordénoche que unhas veces bocexes e outras... (RECAPACITA)  Se eu ordenase a un xeneral transformarse nun paxaro de mar e o xeneral non obedecese, sería a miña culpa...
PRINCIPIÑO: Podo sentarme?
REI: Ordénote que te sentes! (O REI RECOLLE MAXESTUOSAMENTE UN PREGO DO SEU MANTO)
PRINCIPIÑO: Maxestade, pídolle desculpas por interrogalo...
REI: Ordénoche que me interrogues!
PRINCIPIÑO: Maxestade, sobre que reina vostede?
REI: (CON NATURALIDADE) Sobre todoooooo!!!.
PRINCIPIÑO: Sobre todo?
(O REI SINALA O SEU PLANETA, OS OUTROS PLANETAS E AS ESTRELAS)
PRINCIPIÑO: E as estrelas obedecen?
REI: Por suposto. As estrelas obedécenme inmediatamente. Eu non tolero a indisciplina.
PRINCIPIÑO: Maxestade, gustaríame unha posta de sol... Poderíame vostede dar ese pracer... Ordene vostede ao sol que se deite.
REI: So se pode esixir a cada un o que pode facer ou dar.
PRINCIPIÑO: Entón... A miña posta de sol?
REI: Terala, pero hai que agardar a que as condicións sexan favorables.
PRINCIPIÑO: E... Cando será iso?
REI: MMM, mmmmm!! (O REI CONSULTA O CALENDARIO) Iso será, mm...mm... Será cerca de... Esta tarde, ao redor das sete e corenta!
PRINCIPIÑO: (BOCEXA ABURRIDO) Non teño nada que facer aquí, marcho.
REI: Non marches e... e fareiche ministro!
PRINCIPIÑO: Ministro?, de que?
REI: Ministro de... de... de xustiza!
PRINCIPIÑO: Pero aquí non hai ninguén a quen xulgar.
REI: Non se pode asegurar; non teño carroza para viaxar polo meu planeta e camiñar cánsame.
PRINCIPIÑO: Eu xa estiven no outro extremo do planeta e non había ninguén.
REI: MM, mmmmm... eu estou seguro de que no meu planeta existe, en algures, unha vella rata... Ti podes condenala a morte algunhas veces e logo perdoala para economizala, xa que non hai máis que unha en todo o planeta.
PRINCIPIÑO: Pero a min non me parece ben condenar a morte a ninguén. Mellor marcho!
REI: Non! Non te ordenei marchar!
PRINCIPIÑO: Se vosa maxestade desexa ser obedecido, pode ordenarme marchar. As condicións son favorables.
REI: (SUSPIRANDO) Podo nomearte embaixador!
PRINCIPIÑO: (VAISE DICINDO AO PÚBLICO) Os adultos son verdadeiramente estraños...


3ª ESCENA: O principiño e o vaidoso
Escenario: Castelo. Attrezzo: sombreiro do vaidoso / coroa e capa do principiño.

VAIDOSO: (VENDO ACHEGARSE AO PRINCIPIÑO) Ah! Ah! Mira por onde veu visitarme un admirador.
PRINCIPIÑO: Bo día! Tes un sombreiro estraño!
VAIDOSO:  É para saudar cando me aclaman. Desgraciadamente non pasa ninguén por aquí.
PRINCIPIÑO: (SEN ENTEDER MOI BEN) Ah??, si??
VAIDOSO:  Golpea as túas mans unha contra a outra.
(O PRINCIPIÑO OBEDECE E COMEZA A APLAUDIR. O VAIDOSO EMPEZA A SAUDAR LEVANTANDO O SEU SOMBREIRO. DESPOIS DE MOITO APLAUDIR E DE MOITO QUITARSE E POÑERSE O SOMBREIRO O VAIDOSO, O PRINCIPIÑO CÁNSASE).
PRINCIPIÑO: Que é preciso facer para que o sombreiro se estea quieto?
VAIDOSO:  (SEN FACERLLE CASO Á SÚA PREGUNTA) Verdadeiramente admírasme moito?
PRINCIPIÑO: Que significa admirar?
VAIDOSO:  Admirar significa recoñecer que eu son o home máis guapo, o mellor vestido, o máis rico e o máis intelixente do planeta.
PRINCIPIÑO: Pero ti estás só no teu planeta!
VAIDOSO:  Non importa! Dáme ese gusto! Admírame!
PRINCIPIÑO: Admírote! Pero... como che pode interesar iso?

(O PRINCIPIÑO VAISE E O VAIDOSO SEGUE FACENDO REVERENCIAS QUITÁNDOSE O SOMBREIRO ANTE UN PÚBLICO IMAXINARIO)



4ª ESCENA: O principiño e o bebedor
Escenario: Baleiro. Attrezzo: mesa, cadeira, botellas de plástico / coroa e capa do principiño.

(O BEBEDOR ESTÁ SENTADO FRONTE A UNHA MESA CON MOITAS BOTELLAS)
BEBEDOR: Esta vida non vale nada, sen familia, sen amigos, sen un canciño para que me ladre… Nin un gato, nin sequera un rato para molestalo... Aquí todos os días son iguais. Non hai esperanza… so beber e beber     e mañá igual             e así todos os días...
PRINCIPIÑO: Quen es ti?
BEBEDOR: Un bebedor!
PRINCIPIÑO: Un bebedor, de que?
BEBEDOR: De todo!!!
PRINCIPIÑO: E, aparte de beber, a que te dedicas?
BEBEDOR: A nada. Non o ves?!!!
PRINCIPIÑO: O que vexo son moitas botellas. Para que son?
BEBEDOR: Para esquecer.
PRINCIPIÑO: Para esquecer o que?
BEBEDOR: Para esquecer que bebo.
PRINCIPIÑO: E, que queres esquecer????, se non fas nada, e, ademais, estás só!!
BEBEDOR: Para esquecer que teño vergoña.
PRINCIPIÑO: De que tes vergoña?
BEBEDOR: Teño vergoña de beber, así que..... vaite xa! déixame só!!!
PRINCIPIÑO: (CARA AO PÚBLICO)      Que estraño!




5ª ESCENA: O principiño e o faroleiro
Escenario: Rúa empedrada. Attrezzo: Farol, pano no peto / coroa e capa do principiño.

PRINCIPIÑO: Bo día! Por que apagaches o teu farol?
FAROLEIRO: É a consigna.
PRINCIPIÑO: Cal é a consigna?
FAROLEIRO: Apagar o farol. Boa noite!
PRINCIPIÑO: Pero, por que o acendes de novo?
FAROLEIRO: É a consigna.
PRINCIPIÑO: Non entendo.
FAROLEIRO: Non hai nada que entender. A consigna é a consigna!!!. Boa noite!
(APAGA O FAROL. SACA UN PANO DE CUADROS VERMELLOS E SÉCASE A SUOR DA FRONTE).
O meu traballo é moi cansado. Antes non o era tanto. Eu apagaba o meu farol polas mañás e acendíao polas noites.
PRINCIPIÑO: E cando cambiou a consigna?
FAROLEIRO: A consigna non cambiou, o que cambiou foi o planeta: cada ano xira máis e máis rápido.
PRINCIPIÑO: Entón?
FAROLEIRO: Entón xa non teño nin un segundo de repouso. Acendo e apago o farol cada minuto.
PRINCIPIÑO: Iso é gracioso!
FAROLEIRO: Non ten nada de gracioso; agora xa levamos un mes falando ti e máis eu.
PRINCIPIÑO: Un mes?
FAROLEIRO: Si, trinta minutos ou sexa, trinta días. Boa noite!
PRINCIPIÑO:  Sabes? Coñezo unha forma na que poderías descansar, se quixeras.
FAROLEIRO: Interésame saber como podería descansar.
PRINCIPIÑO: O teu planeta é tan pequeno que poderías rodéalo con tres zancadas. Cando queiras que o día dure máis tempo, camiña lentamente sempre baixo o sol. Así non terás que acender o farol durante o día; unicamente pola noite.
FAROLEIRO: Non me gusta esa idea!!!
PRINCIPIÑO: (AO PÚBLICO) Como me gustaría ser amigo do faroleiro e poder apreciar mil catrocentas postas de sol en vinte e catro horas! Pero este planeta é demasiado pequeno para os dous            (SAE)



6ª ESCENA: O principiño e o home de negocios
Escenario: Planeta con anel. Attrezzo: mesa, cadeira, caderno, pluma, bote de tinta, “chuleta” para mirar as contas do home de negocios / coroa e capa do principiño.

PRINCIPIÑO: Bo día! A súa tinta acabouse.
HOME DE NEGOCIOS: (CONTINÚA CONTANDO E NON LEVANTA A CABEZA) Tres e dúas son cinco. Cinco e sete, doce. Doce e tres, quince. Bo día! Quince e sete, vinte e dúas. Vinte e dúas e seis, vinte oito. Non hai tempo para repoñer a tinta. Vinte seis e cinco, trinta e un. Ufff!!!! Iso danos entón cincocentos millóns seiscentos vinte e dous mil setecentos trinta e un.
PRINCIPIÑO: Cincocentos millóns de que?
HOME DE NEGOCIOS: Que? Aínda segues aí? Cincocentos millóns de... xa non sei de que... teño tanto traballo! Son un home serio, non me distraio con parvadas. Dous e cinco, sete...
PRINCIPIÑO: Cincocentos millóns de que? (O HOME DE NEGOCIOS LEVANTA A CABEZA).
HOME DE NEGOCIOS: Desde hai 54 anos que vivo neste planeta, non fun molestado máis que tres veces. A primeira vez foi hai 22 anos por culpa dun abellón que caeu de sabe Deus onde; facía un ruído tan espantoso que cometín 4 erros nunha suma. A segunda vez foi hai 11 anos por unha crise de reumatismo; faime falla facer exercicio; non teño tempo para desperdicialo movéndome dun lado para outro. Son un home serio. E a terceira vez... agora, aquí, contigo!         Dicía eu, cincocentos millóns...
PRINCIPIÑO: Millóns de que?
HOME DE NEGOCIOS: Millóns de esas pequenas cousas que un ve no ceo.
PRINCIPIÑO: De moscas?
HOME DE NEGOCIOS: Claro que noooooon! Desas cousas que brillan.
PRINCIPIÑO: Abellas?
HOME DE NEGOCIOS: Non, tampouco!!. Pequenas cousas douradas que fan soñar esperto aos folgazáns. Pero eu son un home serio, non teño tempo para soñar, nin esperto nin durmido.
PRINCIPIÑO: Aaaaaaaah! As estrelas!
HOME DE NEGOCIOS: Iso, as estrelas.
PRINCIPIÑO: E que fai vostede con cincocentos millóns de estrelas?
HOME DE NEGOCIOS: Cincocentos millóns seiscentos vinte e dous mil setecentos trinta e un, quererás dicir. Eu son un home serio, gústame a precisión.
PRINCIPIÑO: E que fai vostede con esas estrelas?
HOME DE NEGOCIOS: Nada, as teño e xa.
PRINCIPIÑO: Ti posúes as estrelas?
HOME DE NEGOCIOS: Así é.
PRINCIPIÑO: Pero eu xa visitei a un rei que...
HOME DE NEGOCIOS: Os reis non posúen nada, eles reinan sobre. É moi diferente.
PRINCIPIÑO: E de que che serve posuír estrelas?
HOME DE NEGOCIOS: Sérveme para ser rico.
PRINCIPIÑO: E de que che serve ser rico?
HOME DE NEGOCIOS: Sérveme para mercar máis estrelas se alguén as descubre.
PRINCIPIÑO: Iso é certo. E que fai vostede con elas?
HOME DE NEGOCIOS: Adminístroas. Cóntoas. É difícil. Eu son un home serio!
PRINCIPIÑO: E... iso é todo???
HOME DE NEGOCIOS: É suficiente.
PRINCIPIÑO: É divertido; é moi poético. Pero non é moi serio. Eu son útil aos meus tres volcáns, son útil á miña flor... pero... ti non es útil ás estrelas (VAISE DICINDO). Os adultos son decididamente extraordinarios.



7ª ESCENA: O principiño e a serpe
Escenario: Deserto. Attrezzo: Cabeza de serpe / coroa e capa do principiño.

PRINCIPIÑO: Boa noite!
SERPE: Boa noite!
PRINCIPIÑO: En que planeta caín?
SERPE: Na Terra, en África.
PRINCIPIÑO: Ah!... E non hai ninguén na Terra?
SERPE: Aquí é o deserto. Non vive case ninguén no deserto. A terra é grande.
PRINCIPIÑO: (SÉNTASE, MIRA CARA ARRIBA E SINALA ALGO) Mira o meu planeta!
SERPE: É bonito. Que ves a facer aquí?
PRINCIPIÑO: Teño dificultades cunha flor.
SERPE: Ah!
PRINCIPIÑO: Onde están os seres humanos?.
SERPE: Tamén se está só entre os seres humanos.
PRINCIPIÑO: Es un estraño animal; delgado coma un dedo...
SERPE: Pero son máis poderosa que o dedo dun rei.
PRINCIPIÑO: (SORRINDO) Non es tan poderosa... (EXAMINÁNDOA)  Non tes patas... non podes tampouco viaxar...
SERPE: Podo levarte máis lonxe ca un navío (ENRÓSCASE AO REDOR DO NOCELO DO PRINCIPIÑO COMA UN BRAZALETE)
A quen toco, devólvoo á terra de onde saíu (O PRINCIPIÑO QUEDA CALADO)
PRINCIPIÑO: Oh! Comprendín moi ben, pero por que falas sempre con enigmas.
SERPE: Eu os resolvo todos.
PRINCIPIÑO: Adeus!!!
SERPE: Ata a vista!!!


8ª ESCENA: O principiño e o piloto
Escenario: Deserto. Attrezzo: Caixa de ferramentas, papeis, rotu negro, papel co debuxo xa feito / coroa e capa do principiño.

PRINCIPIÑO: Por  favor, poderías debuxarme un cordeiro?
PILOTO: Que?
PRINCIPIÑO: Debúxame un cordeiro.
PILOTO: Pero… que fas ti aí?
PRINCIPIÑO: Por favor, debúxame un cordeiro.
PILOTO: Eu non sei debuxar.
PRINCIPIÑO: Iso non importa... debúxame un cordeiro!
PILOTO: (Fai un intento de debuxo e llo da) Toma!
PRINCIPIÑO: Non, non! Eu non quero un elefante dentro dunha boa. Un elefante é moi estorboso e una boa é moi perigosa. Debúxame un cordeiro, por favor!.
PILOTO: (FAI OUTRO DEBUXO E LLO DA) Toma!
PRINCIPIÑO: Non, este vese xa moi enfermo. Faime outro.
PILOTO: (FAI OUTRO DEBUXO E LLO DA): E este?
PRINCIPIÑO: (CON INDULXENCIA) Fíxate ben: este non é un cordeiro, máis ben é un carneiro. Ten cornos.
PILOTO: (FAI OUTRO DEBUXO E LLO DA): Toma estoutro!
PRINCIPIÑO: Este está demasiado vello. Eu quero un cordeiro que viva moito tempo.
PILOTO: (FAI OUTRO DEBUXO E LLO DA): Aquí está outro, dentro da caixa.
PRINCIPIÑO: (MOI CONTENTO) É exactamente como o quería. Ti crees que vai precisar moita herba?
PILOTO: Por que?
PRINCIPIÑO: Porque onde eu vivo todo é moi pequeno...
PILOTO: Terá herba dabondo, seguro; debuxeiche un cordeiriño.
PRINCIPIÑO: Non tan pequeno. Mira xa se durmiu… Sabes? A min gústanme moito as postas de sol. Imos  ver unha!
PILOTO: Pero hai que esperar.
PRINCIPIÑO: Esperar o que?
PILOTO: Esperar a que o sol se deite.
PRINCIPIÑO: (RISE) Pensei que era como no meu planeta: unha vez vin poñerse o sol corenta e tres veces!
PILOTO: Comprendo, no teu pequeno planeta so tes que cambiar a túa cadeira de lugar e podes contemplar o crepúsculo cantas veces o desexes.
PRINCIPIÑO: Sabes? Cando un está triste, fai ben en mirar as postas de sol.

PRINCIPIÑO: Un cordeiro come flores?
PILOTO: Un cordeiro come todo o que atopa.
PRINCIPIÑO: Tamén as flores con espiñas?
PILOTO: Si, tamén as flores con espiñas.
PRINCIPIÑO: Entón... para que serven as espiñas?
PILOTO: (NON RESPONDE)
PRINCIPIÑO: Para que serven as espiñas?
PILOTO: (NON RESPONDE)
PRINCIPIÑO: Para que serven as espiñas?
PILOTO: As espiñas non serven para nada!!!. Son a malicia por parte das flores!!!.
PRINCIPIÑO: Non te creo! As flores son delicadas. Elas cren que son terribles coas súas espiñas... (DESPOIS DE REFLEXIONAR) E ti cres que as flores...?
PILOTO: Non, non e non! Eu non creo nada! Eu ocúpome de cousas serias!
PRINCIPIÑO: (ESTUPEFACTO) Cousas serias? Ti falas coma os adultos: confundes todo. Eu coñezo a un señor que nunca uliu o perfume dunha flor. Xamais observou unha estrela. Xamais amou a ninguén. Nunca fixo nada máis que sumar e todo o día se repite a si mesmo: “eu son un home serio”...
Eu teño unha flor e ela é única para min, pero se o cordeiro cómese a miña flor, sería como se todas as estrelas se apagasen. E... iso non é importante? (CASE CHORANDO).
PILOTO: (ABRÁZAO) A flor que ti amas non está en perigo; debuxarei unha buceira para o teu cordeiro e un cristal para a túa flor.



9ª ESCENA: O principiño e o raposo
Escenario: Deserto. Attrezzo: Cabeza de raposo / coroa e capa do principiño.

RAPOSO: Bo día!
PRINCIPIÑO: Bo día!             (NON VE AO RAPOSO)
RAPOSO: Estou aquí, debaixo deste cacto!!!!!.
PRINCIPIÑO: Quen es ti? Es moi bonito!
RAPOSO: Son un raposo.
PRINCIPIÑO: Vén xogar comigo, estou tan triste…
RAPOSO: Non podo xogar contigo; non estou domesticado.
PRINCIPIÑO: Que significa “domesticar”?
RAPOSO: É unha cousa bastante esquecida, significa “crear lazos”.
PRINCIPIÑO: Crear lazos?
RAPOSO: Así é. Ti aínda non es para min nada máis ca un neno parecido a cen mil nenos e para ti non son máis ca un raposo parecido a cen mil raposos; pero, se ti me domesticas, entón teremos necesidade o un do outro.
PRINCIPIÑO: Comezo a comprender. Existe unha flor... creo que ela domesticoume.
RAPOSO: É posible; sobre a Terra vense toda serie de cousas...
PRINCIPIÑO: Oh! Non é sobre a Terra...!
RAPOSO: Sobre outro planeta?
PRINCIPIÑO: Si.
RAPOSO: Hai cazadores aí, sobre ese planeta?
PRINCIPIÑO: Non.
RAPOSO: (SUSPIRA) Nada é perfecto! A miña vida é monótona; cazo galiñas e os homes cázanme. Abúrrome un pouco. Pero... se ti me domesticaras, a miña vida estaría chea de sol.
PRINCIPIÑO: Si quero domesticarte. Pero non dispoño de moito tempo; teño amigos que descubrir e moitas cousas que coñecer.
RAPOSO: Non se coñecen máis que as cousas que se domestican. Se ti queres un amigo, domestícame!
PRINCIPIÑO: Que é o que hai que facer?
RAPOSO: Fai falla ser moi paciente; sentaraste primeiro un pouco lonxe de min. Cada día poderás sentarte un pouco máis preto. Se mañá vés ás catro da tarde, desde as tres xa comezarei a ser feliz e cando te vaias, chorarei.
PRINCIPIÑO: Entón, ti non gañas nada!
RAPOSO: Gaño porque, cando te vaias, a cor do trigo recordarame ao teu cabelo. Cando vexa o trigo serei feliz. Ti es responsable para sempre do que domestiques.
PRINCIPIÑO: Entón eu son responsable da miña rosa... (SAE)



10ª ESCENA: O principiño e o vendedor de pílulas
Escenario: Deserto. Attrezzo: Caixa de pílulas / coroa e capa do principiño.

(APARECE O VENDEDOR DE PÍLULAS ANUNCIANDO A SÚA MERCADORÍA)
VENDEDOR: Pílulas, pílulas para a sede, léveas para esa sede que lle queima a gorxa, para a deshidratación, para cando se perde no deserto, para cando se sinte desfalecer, para cando vai viaxar ao deserto. Produto garantido. Non máis sede, non máis molestos vasos ou botellas de auga...
PRINCIPIÑO: Bo día!
VENDEDOR: Bo día! Leva as túas pílulas para a sede a un prezo de saldo...Tragas unha á semana e non precisas beber líquidos por unha semana.
PRINCIPIÑO: Por que vendes iso?
VENDEDOR: Entre outras cousas, para economizar tempo, afórranse cincuenta e tres minutos á semana.
PRINCIPIÑO: E que fas con eses cincuenta e tres minutos?
VENDEDOR: Fas o que queres menos perder o tempo en beber auga.
PRINCIPIÑO: Eu, se tivese cincuenta e tres minutos para gastar, camiñaría devagar cara unha fonte...    (VAISE)




11ª ESCENA: O principiño e o piloto       (FINAL)
Escenario: Deserto. Attrezzo: Caixa de ferramentas / coroa e capa do principiño / cabeza de serpe.

PILOTO: Neniño, verdade que non é máis que un mal soño esta historia da serpe?
PRINCIPIÑO: O que é importante non se ve...
PILOTO: Seguramente...
PRINCIPIÑO: Se ti amas a unha flor que se atopa nunha estrela, entón é doce mirar ao ceo na noite. Todas as estrelas están floridas.
PILOTO: Seguramente.
PRINCIPIÑO: Vouche facer un agasallo. Cada vez que mires no ceo as estrelas, lembrarás a miña risa e será como se todas as estrelas riran.
PILOTO: Non me separarei de ti.
PRINCIPIÑO: Comprende por favor; o meu planeta está demasiado lonxe; eu non podo levar ese corpo alí, é demasiado pesado. Adeus!!!.
(VEN A SERPE E ENRÓSCASE NO PRINCIPIÑO. VAN DESAPARECENDO OS DOUS DO ESCENARIO. ANTÓN QUEDA TRISTE MIRÁNDOO MARCHAR. APÁGANSE E ACÉNDENSE AS LUCES).


PILOTO: Xa pasaron 6 anos dende o meu estraño encontro co meu pequeno personaxe... Os compañeiros que me viron de novo están contentos de verme con vida. Estaba triste pero dicíalles:             “É a fatiga...!”
Agora síntome un pouco consolado; sei moi ben que O PRINCIPIÑO regresou ao seu planeta... e a min gústame na noite “escoitar” rirse ás estrelas.