Estes días estamos traballando sobre o conto "A galiña azul", de Carlos Casares.
Esta historia está protagonizada por “unha galiña azul que pon ovos de cores e que di cocorocó en vez de cacaracá”, perseguida polas autoridades porque consideran que «non é unha galiña como é debido». Nela quedan implícitos valores como a defensa da diversidade, a solidariedade entre veciños e o uso da imaxinación para resolver problemas.
O seu autor, o polifacético escritor galego Carlos Casares, será o homenaxeado o vindeiro Día das Letras Galegas (17 de maio de 2017).
Casares tocou todos os xéneros literarios para un público diverso de todas as idades. Foi tamén un pioneiro da literatura infantil na nosa lingua coa súa coñecida obra "A galiña azul". En 1968 gañou con este relato o primeiro premio do I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e, máis tarde, en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade coa obra "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas".
A obra "A galiña azul" en realidade está formada por cinco historias entrelazadas:
- "O peixe da fonte do xardín"
- "A bomba da felicidade"
- "A galiña azul"
- "A formiga esquiadora"
- "O final da historia da galiña azul".
Inclúe ilustracións de catro rapaces irmáns.
Os contos foron escritos para unha rapaza, Ana, que marchou cos seus pais a Cantabria, para que non esquecera as súas orixes galegas.
Os cinco relatos seguen a estar de plena actualidade ao incluír mostras de comportamentos solidarios e promover o valor da diversidade.
Como curiosidade, podemos sinalar que a rede pública de escolas infantís de Galicia colle tanto o seu nome actual "Galiña Azul" como a imaxe que as representa deste relato de Casares.
![]() |
| Portada da primeira edición |

No hay comentarios:
Publicar un comentario