martes, 16 de mayo de 2017

"Kamishibai". 1º

"Kamishibai" é unha palabra xaponesa que significa “teatro de papel”.
É unha forma tradicional de contar contos que procede de Xapón (aínda que hoxe en día está estendida por todos os continentes). 

Entre os anos 20 e 50 foi moi popular en todo o país a figura do "contacontos", que era un vendedor ambulante de doces que se desprazaba en bicicleta de pobo en pobo narrando historias axudado de ilustracións.

O "kamishibai" adoita estar dirixido a grupos de nenos/as. 

Normalmente, está formado por un conxunto de láminas que teñen un debuxo por unha cara e texto pola outra. O seu contido, xeralmente en forma narrativa, pode referirse a un conto ou a algún contido de aprendizaxe.

Como o texto está na cara posterior das láminas o "kamishibai" sempre necesita un/ha presentador/a ou intérprete que lea o texto mentres os espectadores contemplan os debuxos ao tempo que escoitan o relato.
A lectura realízase colocando as láminas en orde sobre un soporte consistente nun teatriño de tres portas chamado en xaponés “butai”, de cara ao auditorio, e deslizando as láminas unha tras outra mentres se le o texto.
As tres portas do "butai" axudan aos espectadores a centrar a atención na lámina que se está a amosar en cada momento  "desconectando" da anterior que se deixa de ver. Tampouco é casual que o "butai" teña unha cor neutra, polo xeral marrón escura, sen debuxos nin detalles que distraian ao público. 

Aquí deixámosvos un vídeo no que se ve aos alumnos de primeiro utilizando o "Kamishibai" para contar unha historia formada por tres capítulos (tres cartas): dous capítulos do relato "A galiña azul" do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas e un terceiro inventado entre todos/as na aula. 

Previamente, pintaron unhas láminas para ilustralo.

Este relato tamén será contado utilizando o "kamishibai" no Festival das Letras Galegas de Maciñeira o vindeiro venres.




No hay comentarios:

Publicar un comentario